A iniciativa, levada a cabo en colaboración con ASEB, pretende poñer en valor a proximidade do comercio local e fomentar as vendas para axudalos a recuperarse das perdidas ocasionadas pola COVID-19.
Crearase unha páxina web específica cun directorio con espazo para cada establecemento, distribuiranse vales de compra, e publicaranse vídeos e imaxes promocionais da campaña. 

O Concello de Bergondo está a deseñar unha campaña para promocionar o comercio local que lanzará baixo o nome ‘En Bergondo, mellor’. O obxectivo é fomentar as compras no comercio local e poñer en valor os beneficios da súa proximidade para axudar a este sector a recuperarse das perdidas ocasionadas pola COVID-19. 

Desde o goberno local destacan a importancia deste tipo de campañas “para axudar aos nosos empresarios e autónomos a recuperarse despois do vivido co confinamento, as restricións, os peches, rebrotes…” e engaden que “tamén buscamos que os nosos veciños e veciñas aposten polo comercio local fronte ás grandes superficies xa que neste tipo de establecementos a atención é diferente, e en moitos casos chega a crearse un vínculo. De aí o lema ‘En Bergondo, mellor’. 

Para levar a cabo esta acción promocional o goberno local conta coa colaboración da Asociación de Empresarios de Bergondo (ASEB) que axudou a recompilar e realizar o filtrado da información de todas as empresas, establecementos e autónomos do municipio. 

A campaña ‘En Bergondo, mellor’ inclúe a creación dun sitio web específico que funcionará como directorio e xeolocalización de cada un dos establecementos. As fichas de cada empresa incluirán o seu nome, fotografía, localización, horario, teléfono, e-mail, web, redes sociais, logotipo e fotografía.   

Ademais, distribuiranse vales de compra nos establecementos adheridos á campaña a través de accións individuais de diferente natureza e relacionadas cos diferentes departamentos que se celebrarán ao longo do tempo. Por exemplo, como premio do certame polo Día das Letras Galegas, nalgún concurso relacionado co Nadal, accións medioambientais…

Por último, elaboraranse vídeos e imaxes promocionais nos que os protagonistas serán os propios bergondeses e bergondesas. O concello distribuirá e publicará un cuestionario nas súas redes sociais para que se anoten aqueles que o desexen. A idea: conectar coa xente.